jueves, 24 de abril de 2008

A ASOCIACIÓN DE PANADEIROS DE CARRAL REÚNESE CO CONSELLEIRO DO MEDIO RURAL


O venres 11 de abril de 2008, tense celebrado unha xuntanza entre os representantes da Asociación Panadeiros de Carral, o Presidente do G.A.L. Terra das Mariñas, o Alcalde de Carral, o persoal técnico do G.A.L. Terra das Mariñas e o Conselleiro do Medio Rural con motivo de presentar a documentación requerida para solicitar a inscrición da Indicación Xeográfica Protexida (I.X.P.) Pan de Carral, no Rexistro Comunitario de Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas.


O Conselleiro do Medio Rural ten salientado a calidade da documentación aportada, así como a importancia de manter esta produción tradicional, tan ligada ao desenvolvemento rural.

miércoles, 17 de octubre de 2007

O Pan de Carral


A historia do concello de Carral está moi vencellada ás súas características xeográficas. A calidade do solo, clima e a súa posición estratéxica nas proximidades das cidades de A Coruña e Betanzos, na principal vía que une Santiago – capital histórica de Galicia – co mar a través desas cidades, condicionaron o pasado e o presente desta terra. As artesanías e industrias agroalimentarias deben boa parte do seu desenvolvemento histórico a estas circunstancias, ao provocar a decidida orientación do agro cara actividades produtivas vencelladas á cidade coruñesa.

Segundo o Catastro do Marqués de Ensenada – censo fiscal de todo o reino elaborado en 1752 - nesta zona existía unha importante produción de trigo e de pan, o cal deixa reflexado o carácter multisecular desta produción.

Cancioneiro Popular Gallego recopilado por J. Pérez Ballesteros e publicado en 1886:

Monelos e Palavea,
Vilaboa e mais Carral;
que son os catro partidos
d’a pedra fundamental.
Sendo Monelos famosa polas súas tabernas,
Palavea pola beleza e gracia das súas mulleres,
Vilaboa e Carral, polo seu pan.

A pesar dos importantes cambios experimentados no Século XX, a importante produción de trigo do país na comarca e a escasa capitalización das economías familiares mativeron a profesión panadeira dentro dos oficios tradicionais. Estas circunstancias permitiron a pervivencia deste produto na súa forma histórica tradicional ó preservarse o protagonismo da materia prima local, os modos antigos de elaboración, os espacios de venda e a cota de mercado.

Na actualidade, o Pan de Carral elabórase artesanalmente en máis dunha vintena de fornos, repartidos polas diferentes parroquias que conforman o municipio de Carral.

Dentro do Pan de Carral podemos distinguir (pola súa forma) tres tipos de pezas que son coñecidos por:
Moño: a súa forma é redondeada e non regular, cunha semiesfera irregular na súa parte superior.
Cortado: a súa forma é redondeada e non regular, e presenta uns cortes na súa parte superior.
Bola: a súa forma é de aro irregular, con unha distancia entre o seu lado interno e externo que varía segundo o seu peso.

As seguintes características son propias das tres pezas:
· A codia ten unha cor que vai desde dourada a marrón tostada e sen brillo, o grosor é medio, de espesura variable e a consistencia crocante.
· A miga ten unha cor branca escura (debido á mestura con trigo do país), un alveolado abundante e de tamaño variable, unha textura esponxosa, sabor característico a trigo e con humidade.